Sunday 05 de May de 2024

Agrupacións de Zamora, Portugal e Senegal participarán na 34.ª edición do Festival Internacional de Folclore “Cidade da Coruña”


As festas de María Pita acollerán esta cita que tinguirá de multiculturidade a cidade desde o venres até o domingo con actuacións diarias no Parque Europa

As festas de María Pita ofrecerán esta fin de semana a 34.ª edición do Festival Internacional de Folclore “Cidade da Coruña”, que organiza a Asociación de Coros e Danzas Eidos. O Goberno de Inés Rey reforza así a súa aposta pola cultura e por lle dar continuidade a citas clásicas como esta, que permitirán que a cidadanía coñeza outras tradicións remotas como a senegalesa, mais tamén da península. O ciclo comezará este venres no Parque Europa, ás 20.00 horas, coa gala inaugural na que participarán todas as agrupacións convidadas este ano: o grupo folclórico portugués “Lavradeiras de Meadela”, a Asociación de Coros y Danzas “Doña Urraca”, de Zamora; o Ballet Folclórico “Jammu”, de Senegal; e o colectivo anfitrión.

O sábado, o conxunto de participantes será recibido ás 12.30 horas no salón de plenos polo concelleiro Jesús Celemín, na antesala do que será a segunda actuación, ás 20.00 horas, no Parque Europa. Desta vez, ofrecerán o seu repertorio os grupos “Lavradeiras de Meadela”, “Doña Urraca” e “Jammu”. O domingo, o festival de cor e multiculturalidade rematará cunha última posta en escena ás 20.00 horas, no Parque Europa, de todas as agrupacións, na que a organización entregaralles recordos do seu paso polo evento.

As citas serán de acceso gratuíto sen necesidade de reservar invitación. Deste xeito, as persoas interesadas poderán inscribirse in situ ou levar o formulario xa cuberto da casa a través da páxina web
https://coruna.gal/descarga/1453769742065/Formulario-inscricion-espectaculos.pdf.